Solicitude De Autorización De Sementais PRG E Apertura De Paradas

  • ¿Por que é necesario autoriza-los sementais e as paradas?

- Para poder exercer un control sanitario sobre a cabana gandeira equina do Cabalo de Pura Raza Galega e, en especial, en temas de reproducción.

- Para poder organizar con antelación a temporada de cubrición.

- Para poder proporcionar a aqueles paradistas que soliciten a autorización, a documentación precisa para poder expedi-las correspondentes declaracións de cubrición.

- Para poder ofrecer a tódolos propietarios de eguas a relación de sementais autorizados, de xeito que teñan opción a elixir aquel que máis lles conveña.

- Para poder saber ó final da temporada de cubricións tódalas eguas cubertas, de xeito que se poida estimar ó ano seguinte o número de partos e, polo tanto, facer previsións de traballo de inscricións.

  • ¿Que sementais poden ser autorizados?

Aqueles que estean perfectamente identificados e valorados e a súa puntuación sexa igual ou superior a 70 puntos e no seu Certificado de Rexistro e Carta Xenealóxica figure a diligencia do rexistro de APTO COMO REPRODUCTOR. Non se inscribirá no Libro de Rexistro de Pura Raza Galega ningún producto de sementais non autorizados.

  • ¿Cando e como se debe solicita-la autorización?

O paradista debe solicita-la autorización dos sementais que queira empregar na temporada da cubrición durante o mes de xaneiro de cada ano. O paradista debe cubri-lo Impreso PRG A-02, SOLICITUDE DE AUTORIZACIÓN DE SEMENTAIS PRG, e darlle rexistro de entrada na Administración.

A Comisión Rectora do Libro Xenealóxico estudiará tódalas solicitudes de autorización de sementais e comunicará ós respectivos criadores solicitantes os sementais autorizados.

  • ¿Como poden os criadores coñece-los sementais autorizados?

A Comisión Rectora do Libro Xenealóxico confeccionará a Lista Oficial de Sementais de Pura Raza Galega Autorizados para a Cubrición, que será facilitada anualmente a tódolos criadores.