A Asociación Pura Raza Cabalo Galego é unha Asociación de ámbito rexional, sen ánimo de lucro, que loita pola recuperación do cabalo de Pura Raza Galega, está incluída dentro do plan FEOGA e o Programa Agroambiental (Reglamento CEE 2078/92) da UE para o fomento das razas autóctonas en perigo de extinción (AG236K), do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia.

 

 

A Asociación Pura Raza Cabalo Galego iniciou as súas actividades no ano 1996, xurdindo a idea dun grupo de persoas amantes do mundo do cabalo e das tradicións galegas, uns meses mais tarde constitúese formalmente coa inscripción dos seus Estatutos no Rexistro da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais. (18 de Xaneiro de 1997).

Trátase dunha Asociación oficialmete recoñecida pola Xunta de Galicia como entidade colaboradora (RD 997/1999, o 30 de Novembro de 1999) na recuperación do Cabalo de Pura Raza Galega.

A Asociación Pura Raza Cabalo Galego foi recoñecida pola Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia como entidade colaboradora na xestión do Libro Xenealóxico (8 de xullo de 2002).

O cabalo de Pura Raza Galega é a única raza equina autóctona de Galicia recoñecida como tal.

Cos últimos datos que temos no noso poder, referentes ó ano 2008, existen  275 ganderías inscritas no libro xenealóxico que significan á súa vez, 1400 animais inscritos.

A razón da existencia dun Libro Xenealóxico do Cabalo de Pura Raza Galega non é outra que garantir a orixe dos exemplares para unha axeitada identificación e rexistro do cabalo PRG, como condición fundamental na conservación, fomento, selección e mellora da raza. Trátase dun rexistro, ou sistema informático onde se inscriben os cabalos da raza pura, facendo mención das súas ascendentes, descendentes e os méritos receibidos nas súas calificacións morfolóxicas (fenotipo), como reproductor e de traballo ou deporte.