Actuacións Das Ganderías Sobre Os Seus Exemplares

MARCAXE A FERRO DE EXEMPLARES PRG

  • ¿Cal é a finalidade de marcaxe a ferro dos cabalos?

En Galicia, debido ó sistema particular de explotación en extensivo de boa parte da súa cabana gandeira equina, engadido á inexistencia dun sistema de identificación eficaz para estes équidos, acostúmase empregar como sistema de identificación permanente no équido a marcaxe a ferro ou pequenos cortes ou ablacións nas orellas (este último método trátase noutro apartado). É costume que os poldros se marquen no ano de nacemento, durante a celebración dos curros para aqueles que se explotan en liberdade, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 meses ou incluso, nalgúns lugares, ó ano seguinte cando son quincenos ou preto de cumpri-los dous anos.

  • ¿Que problemas se atopan coa marcaxe a ferro dos cabalos?

Os problemas que se encontran con esta práctica de marcaxe son:

1.- Cando os poldros se marcan moi novos e se emprega un ferro moi grande, non acorde coa súa idade, ó medra-lo poldro tamén medra o tamaño do ferro, e resulta ser desproporcionado respecto do seu tamaño corporal, sendo antiestético e insultante á vista e ó prestixio da propia especie.

2.- Cando un cabalo cambia de propietario é frecuente que o novo dono lle poña tamén a súa marca a ferro nun sitio distinto ou incluso por encima da anterior marca. Os gandeiros chámanlle a esto "reseñar". Como resultado obtense nomellor dos casos un cabalo con dúas marcas de propiedade. Noutras ocasións, cando o cabalo pasa por tres ou catro propietarios pode chegar incluso a portar catro marcas a ferro, sendo o cabalo un cromo andante. O peor dos casos aínda é cando o novo propietario, con afán de borrar a anterior marca de propiedade e impoñe-la súa, marca por enriba da anterior, o que resulta un auténtico borrón.

3.- Existe unha anarquía absoluta respecto da rexión corporal do équido ónde se pon a marcaxe a ferro, son habituais rexións de marcaxe as ancas, a ámbolos lados da cruz dos cadrís ou incluso nas costas ou nos brazos.

  • ¿Que posición adopta a comisión rectora do libro xenealóxico do prg?

Se se Considera que o actual sistema de identificación dos équidos que se inscriben no Libro de Rexistro Xenealóxico do Cabalo de Pura Raza Galega é eficaz, permanente, visible e inviolable, e os cambios de propiedade do équido están reflectados no pasaporte de acompañamento, a Comisión Rectora promove ós criadores a que non empreguen ningún sistema de identificación a ferro. De tódolos xeitos, se os criadores desexan marcar a ferro os seus productos, a Comisión Rectora do Libro Xenealóxico, co fin de velar polo bo facer e polo prestixio e fomento da raza, acorda impoñer un único criterio de marcaxe que han de seguir obrigatoriamente tódolos criadores que queiran inscribi-los seus productos:

1- Esta normativa será aplicable a tódolos productos nados a partir do 1 de xaneiro de 2002.

2- Tódolos criadores que desexen emprega-la marcaxe a ferro nos seus productos han de te-lo seu ferro rexistrado no correspondente Rexistro de Ferros, que para tal efecto creará a Comisión Rectora dentro do Rexistro de Ganderías.

3º.- Só terá dereito a identificar con marcaxe a ferro o criador ou primeiro propietario, como prestixio de criador, queda totalmente prohibido a remarcaxe.

4º.- Só se poderá marcar a ferro na anca esquerda.

5º.- O incumprimento desta normativa implicará automáticamente a baixa do exemplar afectado no Libro de Rexistro, con independencia doutras sancións que estime procedentes a Comisión Rectora.

REXISTRO DE FERROS DAS GANDERÍAS

  •  ¿Que é o rexistro de ferros de ganderías?

Este rexistro créase exclusivamente para os efectos do Libro de Rexistro Xenealóxico do Cabalo de Pura Raza Galega. O rexistro do ferro da gandería no devandito rexistro non ten validez como rexistro de patente ou marca legal; con este obxectivo os titulares das ganderías deben dirixirse á oficina de Marcas, Modelos e Patentes do Ministerio de Industria.

  • ¿Como se rexistra o ferro dunha gandería?

Pódese solicita-lo rexistro do ferro da gandería ó mesmo tempo que se solicita a inscrición da gandería, Impreso PRG A-01 e Impreso PRG A-05, ou ben unha vez que esta xa está inscrita e se lle asignou o seu código de rexistro, Impreso PRG A-06. A Comisión Rectora do Libro Xenealóxico estudiará tódalas solicitudes de rexistro e, se o estima adecuado, procederá ó seu rexistro.

MALTRATO E MUTILACIÓN DE EXEMPLARES PRG

  • ¿Cal é a finalidade das ablacións do pavillón auricular nos cabalos?

Como xa se comentou anteriormente respecto da marcaxe a ferro dos cabalos criados ceibes, os gandeiros tamén acostuman a practicar determinados cortes ou ablacións da cartilaxe do pavillón auricular. Cada gandeiro ten a súa forma de marcar cun corte ou marca en concreto para diferencia-los seus cabalos.

  • ¿Que problemas se atopan cos cortes e ablacións das orellas?

Os problemas que se atopan con estas prácticas son funcionais e estéticos. Por unha banda, estes cortes e ablacións dos pavillóns auriculares reducen a capacidade auditiva dos cabalos, esta reducción é maior canto maior sexa o corte ou ablación e resulta unha mingúa das capacidades de defensa destes exemplares. Por outra banda, estas prácticas causan un resultado antiestético que mingúa o valor morfolóxico dos exemplares (se os cortes ou ablacións son importantes os animais non serían aceptados para concursos) e o prestixio da raza e da propia especie animal.

  • ¿Que posición adopta a comisión rectora do libro xenealóxico do PRG?

A Comisión Rectora acordou rexeitar de maneira radical e categórica calquera tipo de maltrato, mutilación ou ablación dos animais. En concordancia con esta posición, e con total independencia das accións legais de denuncia e sanción ás que haxa lugar, no referente á inscrición de calquera animal no Libro Xenealóxico do PRG deberanse cumprir obrigatoriamente e de maneira inescusable as seguintes normas:

Non se inscribirá ningún animal nado a partir do 1 de Janeiro de 2001 con calquera tipo de mutilación ou ablación ou que fose obxecto de maltrato.

Os animais nados con anterioridade ó 1 de xaneiro de 2001 non se inscribirán definitivamente se son portadores de mutilacións brutais ou graves a xuízo da Comisión Rectora do Libro Xenealóxico do PRG.

Aqueles animais xa preinscritos con anterioridade ó 1 de Janeiro de 2001 que sufriran algunha mutilación ou ablación, deberá esta ser inicialmente declarada non grave pola Comisión de Valoración e Cualificación Morfolóxica e, posteriormente, ratificada pola Comisión Rectora do Libro Xenealóxico para a súa inscrición definitiva. Para este efecto a Comisión de Valoración deberá fotografa-la parte mutilada do animal para prestar á Comisión Rectora do Libro Xenealóxico unha proba documental de xuízo.